IniciosociedadeFeijóo dá por "superado" o brote da Mariña case dous meses despois

Feijóo dá por “superado” o brote da Mariña case dous meses despois

En Burela, municipio que foi o epicentro do abrocho detectado en xuño, localízanse catro casos; este mércores remataron as reunións entre a Consellería e os alcaldes do distrito sanitario

Publicada o

- Advertisement -

EFE. O presidente da Xunta de Galicia en funcións, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este mércores que propoñerá na próxima conferencia de presidentes sobre Educación que o uso da máscara sexa obrigatorio en todo momento para profesores e alumnos de máis de seis anos. Tras asistir á reunión do comité clínico que asesora ao Goberno galego, Núñez Feijóo insistiu en conferencia de prensa en reclamar “un protocolo único” para todo o territorio español e anunciou un cribado específico a partir da próxima semana para os 40.000 profesores de educación non universitaria en Galicia, tanto da educación pública como da concertada.

NON PECHARÁ A CORUÑA, COMO FIXO COA BISBARRA

Ademais do regreso ás aulas, o comité clínico analizou a tendencia dos contaxios por Covid-19 na área da Coruña, a máis afectada e que aínda ten unha “mala situación”, e anunciou outro cribado nesta zona para 60.000 persoas de entre 18 e 40 anos, a unha media de “1.000 diarios”, xa que tres de cada catro novos positivos están comprendidos nestas idades.

Está previsto que o comité clínico volva reunirse dentro de dous días, o venres, para analizar a situación na Coruña e a súa contorna, e analizar se fose preciso adoptar máis medidas respecto a limitación de aforamentos ou doutro tipo. A Xunta non pechará a Coruña como fixo coa Mariña Lucense.

O ABROCHO DA COMARCA DEIXOU SEMANAS ATRÁS UNHA VÍTIMA MORTAL

Na súa comparecencia dixo que o brote da Mariña, localizado o pasado 23 de xuño, dáse por “superado” e sinalou que os xurdidos en Ourense nos últimos días están “controlados” neste momento. O goberno local de Burela, municipio que fora noutrora o epicentro do foco de coronavirus, informou de que se localizan no concello catro positivos, e tamén de que as reunións semanais que a Consellería de Sanidade mantiña cos alcaldes dos 14 termos municipais do distrito sanitario remataron este mércores.

O abrocho da comarca deixou unha vítima mortal, unha muller de 83 anos que faleceu no Hospital Público da Mariña.

A NORMATIVA DA COMARCA, EQUIPARADA Á GALEGA E ESTATAL

Na Mariña mantíñanse nun límite do 50% os aforamentos nos locais de ocio nocturno, unha situación que quedou modificada pola nova normativa global para, entre outras medidas, suspender a apertura de pubs e discotecas.

Na Coruña e a súa área metropolitana, insistiu o presidente galego en funcións, a situación segue sendo “preocupante”, aínda que no últimos tres días mellorou. Núñez Feijóo destacou, ademais, que o comité clínico determinou que “non se pode comprobar, non hai evidencia” que neste brote exista unha transmisión a outras zonas da provincia da Coruña ou ao resto de Galicia.

O GOBERNO AUTONÓMICO PROPÓN A MÁSCARA OBRIGATORIA NAS AULAS PARA MAIORES DE SEIS ANOS

En canto ao regreso ás aulas, o presidente galego en funcións sinalou que é, “xunto cos brotes”, “o que máis preocupa” neste momento ao Goberno galego. A día de hoxe, coas evidencias que hai, a recomendación do comité clínico é que sexa obrigatorio o uso de máscara neste ámbito e a Xunta prevé facer súa esta recomendación, indicou. Ademais desta medida, durante a súa intervención indicou que o protocolo galego de volta ás aulas, “revisado polo comité clínico en maio e que hai que actualizar”, establece tamén non superar os 25 alumnos por aula; unha medida que se complementará coa contratación de 240 novos profesores “para cumprir ese e outros obxectivos”.

INCIDE NA RESPONSABILIDADE INDIVIDUAL

Durante a súa intervención insistiu en que “o obxectivo fundamental” é vencer a pandemia, polo que fixo un chamamento para “non baixar a garda”. “Desgraciadamente non imos poder vivir como antes, por iso é importante non dar pasos atrás, que serían dramáticos para a economía e para a saúde“, incidiu. Tamén fixo un “recordatorio” a todas as persoas que, sendo contactos estreitos dun positivo ou que se atopan en espera de resultado, están en corentena para que cumpran o ciclo de illamento completo.

Núñez Feijóo explicou que as situación xeral en Galicia é “mellor” que no conxunto de España, cunha incidencia acumulada no últimos catorce días por cen mil habitantes en torno “á metade” da media do país. Ademais, lembrou que en Galicia segue vixente desde o pasado 13 de marzo a declaración de emerxencia sanitaria, aínda que foi modificada parcialmente en maio por unha das prórrogas do estado de alarma para poder celebrar as eleccións do pasado mes de xullo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...